A bolsa norteamericana fai historia na súa particular subida libre ao superar os 5.000 puntos
Álvaro Manteca, responsable de estratexia de investimento de BBVA Banca Privada.

12/02/2024

As bolsas mundiais continuaron despregando a súa impresionante tendencia alcista sen desfaleceren. Nos Estados Unidos, unha boa campaña de presentación dos resultados empresariais segue impulsando o optimismo dos investidores, nun contexto en que se elevaron as probabilidades da “aterraxe suave” da economía.

Así, o índice S&P 500 logrou, por fin, superar con solvencia a cota dos 5.000 puntos por primeira vez na súa historia. O desempeño do índice americano é extraordinario, mírese por onde se mire: non viamos unha serie de 14 semanas alcistas nas últimas 15 desde o ano 1972 e o estilo de investimento “momentum” está a rexistrar o seu mellor arranque de ano desde 2013. A fortaleza é evidente mesmo na evolución diaria do mercado, xa que das 28 sesións que levamos en 2024, o S&P 500 pechou un 71% dos días por riba do prezo medio diario. Obviamente, a suba constante dos prezos das accións suscita riscos crecentes de corrección. Neste sentido, a sobrecompra técnica dos principais índices é moi significativa e nalgún momento imos ver unha toma de beneficios. A gran pregunta aquí é se volverán aparecer os compradores cando ese momento chegue, dado que os investidores están agora bastante sobreponderados en accións. A nosa expectativa é que calquera corrección volverá ser comprada mentres se manteña a narrativa de aterraxe económica suave. As expectativas xeradas pola IA continúan sendo o principal argumento dos alcistas e os “Sete Magníficos” volveron liderar a semana bolsista estadounidense. Nvidia segue sendo a gran beneficiada e presentará contas o vindeiro 21 de febreiro. A acción sobe máis do 40% anual e máis do 215% nos últimos 12 meses. A parte negativa de todo isto é que a amplitude do mercado volveu caer perigosamente. Tomemos como exemplo as accións de pequena capitalización, cuxo desempeño é máis sensible ao crecemento económico interno: o índice Russell 2000 baixou aproximadamente un 1% neste ano e sitúase un 20% por debaixo do seu máximo de 2021. O indicador está 8 puntos porcentuais por detrás do Nasdaq no que levamos de ano. Entre tanto, a preocupación polo crédito regresou tras a evidencia de que a Fed tardará máis tempo en baixar os tipos de xuro. Desta forma, os bancos rexionais volveron situarse no foco do mercado, tras os problemas mostrados por NYCB.

En Europa, aínda que a campaña de presentación de resultados está a ser frustrante, os mercados de renda variable seguiron o ronsel das bolsas americanas e volveron pechar con alzas semanais superiores ao 1%. Así, o índice Eurostoxx 50 marcou novos máximos desde o ano 2001 e pechou a terceira semana consecutiva á alza. Os sectores de tecnoloxía e de consumo discrecional lideraron con claridade a semana bolsista europea, mentres que as empresas eléctricas e inmobiliarias sufriron caídas semanais significativas. Do mesmo xeito, o mercado español mostrou un peor comportamento relativo.

Co seu Novo Ano no horizonte, a bolsa chinesa foi unha das grandes protagonistas da semana, despois de que as autoridades decidisen dar apoio contundente aos seus mercados, que estaban tocando niveis moi baixos nas cotizacións. O apoio reflectiuse de forma positiva nas cotizacións bolsistas, aínda que a sostibilidade destas alzas e da confianza investidora podería depender de novos anuncios de estímulos económicos que poidan dirixirse con contundencia ao seu sector promotor.

Mentres, o mercado xaponés continuou a escalada cara aos máximos atinxidos hai 35 anos e pechou a semana con alzas do 2%, impulsado pola debilidade do ien. Por último, as bolsas emerxentes continuaron mostrando un peor comportamento relativo, que na última semana se reflectiu nas caídas dos mercados de Europa do Leste e de América Latina.

Para acabar, e ollando para os fundamentais, as cousas seguen estando no mesmo sitio que nos últimos días, aínda que superamos con solvencia o obstáculo das revisións do IPC de 2023, que no ano pasado xeraron moitas incertezas sobre o proceso de desinflación. Mentres tanto, os mercados de renda variable mundiais seguiron subindo sen descanso, grazas ao cal se vai facendo máis probable un proceso de consolidación a curto prazo, tendo en conta a sobrecompra técnica acumulada. En todo caso, non vemos ningún motivo fundamental para modificar o noso posicionamento construtivo e cremos que, mentres non mude de forma substancial a actual narrativa de aterraxe económica suave, calquera corrección volverá ser interpretada como unha oportunidade de compra por parte dos investidores.