Evita a comida lixo
12/08/2024
Este consello, que non dubidariamos nin medio segundo en dar aos nosos fillos ao ser conscientes dos efectos prexudiciais sobre a saúde que carrexa a longo prazo o consumo de alimentos ultraprocesados, pode ser perfectamente aplicable no mundo do investimento.
Na actualidade, estamos sometidos a un torrente de información que nos chega desde infinidade de medios e que, na súa maior parte, non é outra cousa que comida lixo de investimento. Consumir este tipo de comida lévanos a tomar decisións sobre o noso patrimonio que nos fan sentir ben a curto prazo, pero á custa de penalizar a nosa saúde financeira no longo.
Os relatos guían o comportamento dos mercados e todos os días recibimos centos deles: desde os motivos polos que subiron ou baixaron as bolsas, pasando polos últimos acontecementos macroeconómicos, os problemas xeopolíticos ou mil razóns convincentes que nos empurran a apostar por un sector ou unha empresa determinados.
Todas estas comunicacións teñen un parecido sorprendente coa comida lixo: consumímolas porque ofrecen unha solución rápida e permítennos estar sempre á última. Se os acontecementos evolucionan a toda velocidade, por que non ten que facer o mesmo a miña carteira?
Ademais, están por todas partes. É como estar nun supermercado con fileiras e fileiras de pasteis, doces e xeados, coas froitas e verduras agochadas nun recuncho. Tomar decisións intelixentes nun medio así é incriblemente difícil.
Se analizamos os incentivos que impulsan os creadores deste tipo de informacións, decatámonos de que a comida lixo de investimento créase por unha destas dúas razóns: ou aumentar o volume de compras e vendas de activos financeiros ou atraer a atención do investidor con artigos xornalísticos que xeren moito tráfico. A motivación principal non adoita ser mellorar a nosa saúde financeira a longo prazo, senón tirar proveito dos nosos nesgos mentais.
Aínda que comer moi ocasionalmente bolaría industrial non debería supor un grave problema para a nosa saúde no longo prazo, a suma de erros de investimento, aparentemente pequenos nun primeiro momento, pódense converter en custos enormes a longo prazo. Así, este torrente de comunicación inútil é importante e está lonxe de ser inocuo. Sempre hai unha nova historia que contar e vender.
Para intentar neutralizar este fluxo de comida lixo debemos centrarnos no que sabemos que funciona a longo prazo: ter unha distribución de activos estable, aliñada cos nosos obxectivos e non cambiar constantemente as posicións da nosa carteira. É dicir, temos que priorizar o consumo de froitas e verduras, que obviamente non son tan apetecibles como unha boa hamburguesa, pero garántennos unha mellor saúde futura.
En definitiva, como facemos moitas veces cos pasteis expostos nun escaparate, podemos ollalos, pero simplemente absternos de comelos agás en momentos extraordinarios.