Volven os fantasmas de agosto
09/09/2024
A adversa estacionalidade de setembro comezou con forza e o índice MSCI mundial pechou a peor semana desde setembro de 2022. O mes de setembro deixounos debilidade bolsista nos catro últimos anos, incluído o último ano electoral nos Estados Unidos. En 2024, cunhas eleccións que se presentan especialmente incertas á outra beira do Atlántico, os riscos económicos e políticos mantiveron en situación de alerta os investidores.
Durante a semana pasada, porén, os temores de desaceleración da primeira economía do planeta foron os claros protagonistas e a aversión ao risco estendeuse por multitude de activos financeiros, penalizando os valores máis expostos ao ciclo económico e beneficiando os que exhiben características defensivas.
Desta forma, os investidores en renda fixa presupuxeron recortes máis rápidos dos tipos de xuro por parte dos bancos centrais e os rendementos dos bonos do Tesouro tocaron o seu nivel máis baixo desde 2022. As materias primas tamén enviaron sinais de advertencia sobre as perspectivas para o ciclo de consumo e investimento. Así, o petróleo borrou todas as súas ganancias de 2024, mentres que o prezo do cobre caeu en 13 das últimas 16 semanas.
En xeral, a última semana lembrounos o episodio de turbulencias de principios de agosto, cando os primeiros indicios de debilidade do mercado laboral americano fixeron que os rendementos dos bonos e as accións caesen nunha tempestade de volatilidade, que se esvaeceu tan rápido como aparecera. Os movementos da última semana reflicten o mesmo conxunto de preocupacións que impulsaron a primeira caída e os investidores temen que a maior economía do mundo poida estar esvarando pola pendente da recesión, sen que a Reserva Federal teña xa marxe de manobra para detela, tendo en conta o atraso co que opera a política monetaria sobre a economía real.
O catalizador do nerviosismo volveu ser o mercado laboral. Así, o informe de emprego estadounidense de agosto mostrou unha nova desaceleración da contratación. Agregáronse un total de 142.000 novas nóminas, cifra que se situou por debaixo da previsión de 165.000 que manexaba o consenso. Adicionalmente, a xeración de emprego do pasado mes de xullo revisouse á baixa desde os 114.000 ata os 89.000 postos de traballo.
Non obstante, outros aspectos do informe de emprego foron máis construtivos e incrementáronse levemente as horas semanais traballadas en agosto. Ademais, nun contexto en que o salario medio por hora de traballo aumentou a un ritmo mensual do 0,4 por cento, tras moderarse ao 0,2 por cento no pasado mes de xullo, evidenciouse certo poder de negociación dos traballadores. A taxa de desemprego, pola súa parte, moderouse en liña co esperado ata o 4,2 por cento, desde o 4,3 por cento rexistrado en xullo.
En xeral, parece claro que o mercado laboral continúa desacelerando, aínda que sen dar sinais convincentes de que esteamos na antesala dunha deterioración económica significativa, o que requiriría un recorte de tipos de 50 puntos básicos na reunión da Reserva Federal de setembro. Neste sentido, é importante destacar que tampouco vemos indicios de ningún movemento desta magnitude nas comunicacións da institución. Así, tras a publicación do informe de emprego, o presidente da Fed de Nova York, John Williams, indicou que os datos eran consistentes coa flexibilización gradual do mercado laboral que comezou a producirse hai algúns meses e reiterou a súa perspectiva de que avanzamos en dirección a un escenario de crecemento sólido, cunha taxa de desemprego arredor dos niveis actuais e unha desinflación adicional.
Durante os últimos días, ademais, sucedéronse os problemas para o sector tecnolóxico e o índice de semicondutores de Filadelfia perdeu máis dun 12 por cento do seu valor no transcurso da semana, a súa maior caída semanal desde marzo de 2020, en plena irrupción da pandemia. Os problemas do sector plasmáronse na cotización de Nvidia, que caeu case un 14% na semana. A empresa, que acababa de sufrir a mala acollida dos seus beneficios trimestrais, encontrouse cunha serie de obstáculos adicionais, como a noticia de que a xustiza estadounidense pediu información á compañía no marco dunha investigación antimonopolio. Obviamente, a política comercial que derivaría dunha potencial vitoria de Trump nas eleccións tamén foi un lastre para a industria dos semicondutores.
En suma, os principais índices de referencia mundiais comezaron setembro cun ton moi baixista e recortaron practicamente a metade do movemento de recuperación producido desde os mínimos do pasado 5 de agosto. Os temores a unha rápida desaceleración do mercado laboral nos Estados Unidos marcaron o devir dos prezos durante a semana e espertaron novamente os fantasmas de agosto. Neste sentido, as próximas referencias macroeconómicas serán claves e cremos que deberían contribuír a tranquilizar os investidores respecto á senda de desaceleración económica ordenada na principal potencia económica mundial.