Donald Trump: Día Un
20/01/2025
A presidencia de Donald Trump comeza oficialmente este luns 20 de xaneiro, marcando o inicio dun capítulo que promete ser tan disruptivo coma o seu primeiro mandato. A diferenza de 2016, cando a súa vitoria foi unha sorpresa, esta vez o equipo de Trump chega preparado para pórse en marcha desde o primeiro momento, cun paquete de máis de 100 ordes executivas listas para ser asinadas inmediatamente. Estas medidas abranguen áreas clave como comercio, inmigración, enerxía e desregulación, e prometen sacudir os mercados globais.
O enfoque de Trump no "Día Un" está deseñado para desmantelar moitas das políticas implementadas polo seu predecesor, Joe Biden, e reinstaurar varias medidas da súa primeira administración. Porén, a natureza impredicible das súas decisións xera incerteza significativa, xa que aínda non está claro cantas destas ordes se implementarán decontado nin de que xeito.
Por exemplo, no ámbito comercial, Trump prometeu impor un arancel do 25% a todos os produtos importados do Canadá e México. Isto sería un sinal agresivo de que pretende utilizar os aranceis como ferramenta de negociación para lograr un "grande acordo" que redeseñe o sistema de comercio internacional. Non obstante, tamén se especula sobre se estas tarifas poderían ser temporais e axustarse tras acadar acordos bilaterais.
No referente á política fiscal, o proposto para secretario do Tesouro, Scott Bessent, remarcou a importancia de estender os recortes de impostos de 2017 como parte central da política económica de Trump. Porén, o seu testemuño ante o Comité de Finanzas do Senado ofreceu poucos detalles sobre como se xestionará o crecente déficit fiscal, que xa é unha preocupación crítica. Aínda que Bessent prometeu manter programas clave como a Seguridade Social e Medicare, a súa falta de claridade sobre outras áreas de gasto deixa dúbidas sobre a sostibilidade das finanzas públicas na maior economía do planeta.
A desregulación será un dos eixes centrais da axenda de Trump desde o primeiro día, con medidas que buscan reducir a carga normativa sobre sectores clave da economía. En enerxía, espérase unha relaxación das regulacións ambientais, priorizando a extracción de petróleo e gas, canda un menor apoio ás enerxías renovables. No sector financeiro, poderían reducirse aínda máis as restricións da Lei Dodd-Frank, o que daría aos bancos maior marxe para operar, aínda que con riscos potenciais para a estabilidade. En automoción, a eliminación de estándares de eficiencia de combustible beneficiaría os fabricantes tradicionais. Estas iniciativas teñen como obxectivo incentivar o investimento empresarial e reducir custos, aínda que poderían xerar controversias sobre a súa sostibilidade a longo prazo e as súas implicacións ambientais.
A política migratoria será outro dos piares clave da axenda de Trump, cun enfoque na restrición da entrada de inmigrantes e a implantación de medidas máis estritas nas fronteiras. Entre as primeiras accións, espérase o restablecemento do veto migratorio para cidadáns de determinados países, que fora revertido pola Administración Biden. Ademais, anticípanse iniciativas para reforzar a seguridade na fronteira sur, que poderían incluír a reactivación de proxectos como a construción do muro fronteirizo e un aumento nas deportacións de inmigrantes indocumentados. Estas políticas buscan reducir a oferta de man de obra estranxeira, o que podería xerar tensións en sectores económicos clave como a agricultura, a construción e os servizos, altamente dependentes de traballadores migrantes. Aínda que estas medidas poderían encontrar resistencia legal e política, representan un retorno ás prioridades do seu primeiro mandato, centradas en restrinxir a inmigración como unha estratexia para protexer os empregos nacionais.
Como podemos apreciar, o impacto destas políticas nos mercados financeiros podería ser significativo. Os sectores máis expostos ao comercio, como a manufactura e a tecnoloxía, enfrontan riscos importantes se os aranceis se implementan rapidamente. Ademais, o mercado laboral podería verse afectado polas restricións migratorias. Por último, algunhas destas medidas, sobre todo as que se refiren á imposición de aranceis, terían un efecto inflacionista inmediato.
En definitiva, o "Día Un" de Donald Trump promete marcar un cambio de rumbo na política estadounidense e internacional. Mentres os mercados financeiros intentan dixerir a magnitude destas políticas, a clave estará en como se implementen e axusten nos próximos meses. Para os investidores, este contexto presenta tanto riscos significativos como oportunidades estratéxicas, nun marco de alta volatilidade e incerteza.